Antídoto estudio de Tatuaje y Piercing participa na 1ª edición de Estudios Abertos de Ourense
Estudios Abertos é un evento que se celebra en numerosas cidades do mundo desde hai anos. En Galicia, A Coruña conta cun evento similar con máis dunha ducia de edicións, pero esta será a primeira vez que algo así se organiza en Ourense. Abrimos as portas dos estudios de artistas de Ourense e a súa contorna. 13 espazos e máis de 25 artistas agardan por ti para que coñezas de primeira man o que se está a crear nos estudios da cidade.
Esta primeira edición ofrece unha experiencia profundamente diversa, na que conflúen propostas que abranguen distintas xeracións, etapas e formas de expresión da arte contemporánea e das artes plásticas.
Neste mapa atopamos tanto artistas de referencia en activo como outros máis novos, algúns deles cunha sólida traxectoria recoñecida en feiras de arte, institucións e exposicións internacionais. Hai tamén persoas creadoras orixinarias de Ourense e outras de adopción, procedentes de diferentes cidades ou países estranxeiros.
No complexo panorama das profesións artísticas, non sorprende que moitas persoas da nosa área compatibilicen a súa práctica creativa con outras actividades laborais. Así, neste percorrido conviven estudios profesionais con espazos onde a creación está máis ligada ao ámbito vocacional e comunitario. Con todo, pola súa singularidade, calidade e dedicación, estas achegas merecen ser postas en valor, pois todas elas contribúen ao retrato do papel das artes na identidade cultural do Ourense dos nosos días.